Os resultados nas últimas eleccións do 28 de Maio foron unha mestura de sentimentos, predominando a tristura. O Bloque Nacionalista Galego conseguiu obter un bo rendemento grazas a gañar a confianza dos votantes, pero a esquerda cedeu terreo fronte ao empuxe do Partido Popular. Perder a Deputación de Pontevedra, onde se fixo un gran traballo e, sobre todo, se marcou a diferenza de xestión e talante con xestións anteriores do PP, limita as opcións de alegría despois dos comicios.

Aínda que se conseguiu consolidar a base electoral nacionalista e obter un incremento de persoas concelleiras, o panorama político xeral segue a estar dominado polos dous grandes partidos españois. Por contra, non debemos esquecer de onde vimos: 187.901 votos nas municipais do 2019 con 457 persoas concelleiras, alcanzando nas pasadas eleccións 248.676 votos e 590 representantes. Iguálanse, deste xeito, os resultados do 2011, un ano antes da excisión de Amio que significou unha perda natural de votos. Aínda que se está lonxe das 661 persoas concelleiras do ano 2007, o BNG continúa a súa loita por avanzar nos intereses e aspiracións do pobo galego dentro do marco político español e mira o futuro con esperanza. O 23 de Xullo, máis.