A falta de educación sexual integral na educación secundaria en España está sendo motivo de preocupación e debate. Por unha banda, o cúmulo de conductas e delitos sexuais reportados ultimamente e por outra, a negativa dunha parte da sociedade aliñada coa dereita extrema a introducir este tema no currículo da educación secundaria.
A ausencia dunha educación sexual integral adoita deixar aos estudantes un coñecemento limitado sobre saúde sexual. A pesar da gran cantidade de información de calidade que teñen ao seu dispor, esta non alcanza o nivel de ser interiorizada. Por outra, tense observado que consumen e interiorizan fontes de información de escaso nivel pedagóxico como pode ser a pornografía, ou referencias continuas a estereotipos de xénero e poder. Este coñecemento nesgado leva a equívocos, comportamentos de risco e consecuencias negativas para saúde física e mental.

Dentro destas anomalías educativas, non contrarrestar activamente os estereotipos de xénero e dinámicas de poder desiguais nas relacións, afecta a comprensión dos mozos sobre o consentimento, as relacións saudables e o respecto dos límites. A exposición que os adolescentes teñen a fontes pouco fiables e información inexacta perpetúa aínda máis conceptos erróneos e comportamentos nocivos que derivan en moitos dos problemas actuais nas aulas e fóra delas.
A media de idade na que se inician as relacións sexuais no estado español, está lixeiramente por debaixo dos 17 anos, tanto para homes como mulleres. Daquela, a formación sexual integral dos estudantes nos primeiros anos da ESO non fará, como prognostican algúns, que os nosos adolescentes vivan prexudicados por un desenfreo sexual, senón que adopten conductas sas e respectuosas con respecto a súa vida sexual. Sen dúbida, educar en temas que non forman parte do currículo de ESO e incluílos de forma activa na educación transversal das aulas, implica formación do profesorado ou, como debería ser, a incorporación de profesorado especializado as aulas. É importante contar con profesionais que poidan proporcionar información precisa e axeitada á idade de forma inclusiva e sen xuízos. É necesario unha actitude activa por parte dos responsables educativos nas institucións do estado e na Xunta de Galicia para abordar o tema.